A exposición viaxeira

A exposición itinerante da Campaña Mundial pola Educación continua o seu percorrido pola xeografía galega nas mans do equipo territorial da Campaña.

A mostra de fotografía social e documental invita á visitante, a través de fotografías e textos, a coñecer a situación da educación no mundo. Para iso, a composición de imaxes narra unha viaxe polo mundo a través de tres lapis de cores que amosan a unidade entre nenos e nenas das máis diversas culturas e contextos.

Os mesmos tres lapis percorreron milleiros de quilómetros en varios continentes durante moitos meses, sendo testemuñas dun sólido compromiso pola educación grazas ao apoio dos axentes de desenvolvemento internacionais e locais, pero, moi especialmente, do traballo de gobernos, escolas, familias e docentes. Así, nesta viaxe ao redor do mundo, descubrimos numerosas historias  de  éxito  en  países  empobrecidos,  historias  das  que  todas  e todos  podemos  e debemos aprender, historias que, ademais, contrastan coa situación educativa actual dos chamados países “desenvolvidos”.

Ao longo do inverno a exposición estivo no centro recreativo e Sociocultural de Vilalba, no Liceo de Ourense ou na biblioteca municipal do concello de Xermade nas provincias de Lugo e Ourense. A primavera pasouna co alumando do IES San Alberto de Noia para seguir o seu camiño cara o norte.

A cidade de A Coruña acolleuna no centro cívico de Monte Alto para goce e ledicia da xente deste barrio e o solsticio de verán comezouno na Casa Museo Casares Quiroga aberta á cidadanía local e os turistas que visitan a cidade herculina nestas datas. Nesta última parada, tivo lugar un acto de presentación da mostra o pasado martes 7 de xuño onde se contou coa presenza de Noa Fernández Morón, fotografa da exposición e protagonista da viaxe ao redor do mundo recollida nos 11 paneis que conforman a exhibición.

A mostra continuará a viaxar no vindeiro outono con fin de achegar e pór en valor a loita de moitos países polo futuro da súa poboación a través dunha educación de calidade.