A Campaña Mundial pola Educación en Galicia organiza un Seminario Internacional sobre o Dereito á Educación na Universidade de Santiago de Compostela

GALICIA.- Este ano 2015 é un momento clave. En setembro terá lugar en Nova York a Asemblea Xeral da ONU onde se aprobarán os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que substituirán aos non acadados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. A Campaña Mundial pola Educación traballa para conseguir que a comunidade internacional firme un compromiso coa educación para todas as persoas, que quede reflectido en metas, indicadores relevantes e en compromisos de financiamento concretos. Estamos, pois, nun momento de balance, de análise dos logros, dos retrocesos e, sobre todo, de reflexión sobre os novos desafíos.

Os datos sobre a situación da educación presentados pola UNESCO o 9 de abril

• En 2015 haberá uns 100 millóns de nenos e nenas no mundo que non poderán rematar os seus estudos de primaria. Séguense necesitando catro millóns máis de docentes para lograr a escolarización de todos os nenos e nenas desta idade.

• Aínda que a nivel mundial a porcentaxe de persoas analfabetas diminuíu, pasando dun 18% no ano 2000 a un 14% no 2015, este avance débese ao paso á idade adulta de mozos e mozas que cursaron máis anos de estudo que os seus pais. As mulleres seguen constituíndo case dous terzos do total da poboación analfabeta mundial.

O Seminario Internacional polo Dereito á Educación

Ante a necesidade de xerar espazos de diálogo e reflexión sobre a situación da educación no mundo, o equipo territorial da Campaña Mundial pola Educación en Galicia centrou os seus esforzos na organización do seminario A Educación Cambia o Mundo: A participación cidadá na Axenda post-2015. Este evento, que conta co apoio da USC, pretende facer un recoñecemento a todas as loitas diarias que se exercen nos diferentes espazos de traballo e de activismo social, e que nos permiten avanzar na consecución da Educación para Todos e Todas.

A palabra INTERNACIONAL que cualifica a este Seminario vén dada pola presenza de dúas persoas procedentes de Nicaragua e Bolivia. A coherencia, a defensa do dereito á educación e o activismo permanente son as actitudes que caracterizan a Cecilia Lazarte e Silvio Gutiérrez, os dous invitados a participar no Seminario Internacional polo Dereito á Educación.

Cecilia Lazarte: Educadora boliviana especialista en xénero. A súa traxectoria de vida complementa dun xeito claro a participación nos espazos estatais e o activismo dende a sociedade civil. O seu compromiso coa educación e o desenvolvemento dos pobos vai ligado ao traballo dende o enfoque de xénero. Participou na Conferencia Internacional das Nacións Unidas Rio+20 e foi parte do equipo de negociación sobre a Axenda de Desenvolvemento e das metas posteriores ao 2015 ante os gobernos de Bolivia, Arxentina e Ecuador.

Silvio Gutiérrez: Educador popular e de promoción social especialista en dereitos humanos de nenos, nenas, adolescentes e xente moza. A historia de Silvio Gutiérrez na defensa do dereito á educación comeza dende pequeno, pois foi un dos mozos brigadistas que participaron na Cruzada Nacional de Alfabetización na revolución sandinista dos anos 80. Na actualidade, Silvio Gutiérrez é enlace nacional do Consello de Educación Popular de América Latina e Caribe (CEAAL) e membro do Comité de Nicaragua da Semana da Acción Mundial pola Educación.

programacion_castelan cartelprograma