200 Alumnos e Alumnas de A Coruña reclaman unha educación de calidade para todos e todas

CORUÑA- Con motivo da Semana de Acción Mundial pola Educación (SAme) -que promove a Campaña Mundial pola Educación (CME) con apoio da Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (AECID)-, tivo lugar o acto celebrado na Coruña no colexio Santa María del Mar. Este acto quixo achegar as reivindicacións da CME á sociedade en xeral e ao goberno local de A Coruña representado polo concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, e a vicepresidenta da Deputación, Dolores Faraldo.

Alumnado de diferentes centros coruñeses; Colexio Santa María do Mar, Colexio Compañía de María, IES Agra do Orzán, IES Elviña e IES Rafael Puga, déronse cita no salón de actos do Colexio Santa María del Mar para reivindicar o dereito á educación para todas as persoas do mundo. En total máis de 200 alumnos e alumnas coruñesas participaron neste acto conducido con mestría por Juan José Fernández (voluntario da CME).

Os e os vogais dos diferentes centros educativos subiron ao escenario para contar o que traballaran nas súas clases a través dos materiais didácticos que a propia CME comparte para traballar a campaña. Así cada centro nos relatou de diversas maneiras o importante que é recibir unha educación de calidade dende os nosos primeiros anos de vida. Poesías, relatos en primeira persoa de recordos do primeiro día de colexio, fotografías e lectura dalgunhas das peticións da CME foron o xeito de trasladar aos representantes políticos os desexos dos escolares.

Tras esta primeira parte, a quenda correspondíalle ás persoas adultas. José Luis Quintela Julián (Director dá Área de Servizos Sociais do Concello da Coruña) falou dos seus anos de estudante e do importante que fora ter unha educación para o seu desenvolvemento persoal. Francisco Mourelo (Concelleiro de Educación) contounos unha anécdota do seu primeiro día de colexio (que aquí non contaremos) que moitos e moitas dos presentes tamén compartían. Dolores Faraldo (Vicepresidente da Deputación da Coruña) contounos o moito que cambiara a educación aquí, a través da mirada da súa avoa, que lle contaba á propia Dolores as dificultades que existían cando era nena para acudir ao colexio. Por último Juan José Tomillo González (Director do Colexio Santa María del Mar) quixo compartir o estraño deporte que practicaba na súa primeira etapa como estudantes, o xogo dos «croques» (chocar as cabezas).

Para finalizar o acto o mestre de cerimonias Juan José Fernández leunos o manifesto da CME. Os representantes políticos asinaron a lona na que veñen recollidas as 3 principais peticións da campaña:

  • Traballar para asegurar o dereito á educación para todos e todas as nenas e nenos do mundo.
  • Dar importancia á atención e educación dos nenos e nenas máis pequenos.
  • Loitar contra a pobreza, fortalecendo o compromiso coa Axuda ao Desenvolvemento que se dedica a Educación.

E como sorpresa final nenos e nenas de infantil do Colexio Santa María del Mar saíron ao centro do escenario cuns debuxos feitos por eles e elas mesmas nos que se podía ler: «QUEREMOS UN COLEXIO PARA TODOS OS NENOS E NENAS DO MUNDO. NENOS E NENAS SOMOS O FUTURO».