A Educación cambia o Mundo

SANTIAGO.- Foron dúas xornadas fantásticas as vividas no Seminario Internacional sobre Educación celebrado os pasados 22 e 23 de Abril na facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, con máis de 150 participantes e cun sentir común: aeducación transforma a vida das persoas.

Con moita ilusión pero tamén con moita responsabilidade, o grupo galego da Campaña Mundial pola Educación, organizabamos este seminario no marco da Semana de Acción Mundial pola Educación. Queriamos crear un punto de encontro, un espazo para compartir, reflexionar, pensar, e sobre todo escoitar.

E aínda que non corresponde a este equipo a valoración global deste Seminario, si que estamos moi felices polas intensas 8 horas vividas durante a Semana de Acción Mundial.

Experiencias de máis alá do charco grazas ás visitas do educador nicaraguano, Silvio Gutiérrez, promotor de dereitos humanos e participante nas Cruzadas de Alfabetización do movemento sandinista na Nicaragua dos anos 80; e de Cecilia lazarte, educadora popular boliviana especialista en xénero e desenvolvemento rural.

Teatro, contos, radio como ferramentas metodolóxicas para crear unha educación con paixón, con movemento, que transforme transmitindo e que non só quede ancorada no académico. Educar dende a emoción, dende a comprensión, dende a escoita activa e a cooperación foron ideas que xurdiron nos diversos obradoiros.

Tivemos a oportunidade de achegarnos ao continente Africano a través da visita á Exposición da CME de Galicia, e descubrir algunhas experiencias educativas interesantes que nacen dun Continente rico que nos empeñamos en empobrecer. Ademais contamos cunhas talleristas moi especiais, as alumnas do CIP Virxe dá Cela de Monfero que a pesar da súa curta idade xa son todas unhas especialistas na CME e que tamén nos amosan experiencias educativas da nosa contorna.

Puidemos escoitar voces de amigas e amigos que representan a colectivos que moitas veces non teñen altofalantes abondo para contar a súa experiencia educativa e visibilizar que a Educación é importante para cada persoa sexa cal sexa a súa condición.

E para rematar con este resumo, facémolo como empezamos o Seminario, coa reflexións do catedrático José Antonio Caride que nos falaba de que agora se van marcar outros 15 anos de retos que cumprir e que o seu cumprimento é necesario. Non podemos ver este novo proceso como unha folla de ruta senón como unha obriga para a construción dun Mundo realmente transformado e igualitario.

Non queremos rematar sen dar as grazas a todas as persoas que teñen participando neste Seminario. Esperamos que vos gustase.

Moitas grazas #euvotopolaeducación