06 Abr Flashmob pola Educación en Pontevedra: a mocidade mobilízase polo dereito á educación
A Campaña Mundial pola Educación en Galicia (CME Galicia) convoca o vindeiro xoves 23 de abril ás 16:00 horas un acto público na rúa baixo o título “Flashmob pola Educación”, que terá lugar no Pazo da Deputación de Pontevedra. Esta acción busca visibilizar o compromiso de nenos, nenas e adolescentes co dereito humano á educación e convidar á cidadanía a sumarse a un movemento internacional que defende unha educación pública, gratuíta, inclusiva e de calidade para todas as persoas, en todo o mundo.
O acto está organizado pola Campaña Mundial pola Educación en Galicia, co impulso das entidades do grupo motor: Ayuda en Acción, EDUCO, Entreculturas, Universidade de Santiago de Compostela e Taller de Solidaridad, e contará tamén coa participación da Asociación Piyopi como entidade aliada. Ademais, asistirán representantes institucionais como Demetrio Gómez, Concelleiro de Educación do Concello de Pontevedra, e Sandra Bastos, Coordinadora de Igualdade e Benestar Social da Deputación de Pontevedra, reforzando o apoio das administracións públicas a esta reivindicación colectiva.
A mocidade terá un papel protagonista nesta xornada grazas á participación da Academia Plié, con arredor de 20 nenos e nenas que realizarán o flashmob, convertendo a praza nun espazo de expresión, compromiso e defensa dos dereitos. Espérase a asistencia dunhas 30 persoas, entre infancia, entidades sociais e representación institucional. Desde a CME Galicia animamos a toda a cidadanía a achegarse e formar parte desta mobilización en defensa do dereito á educación para todas as persoas.