Facendo Memoria: máis de dez anos de Campaña

GALICIA.- O ano 2015 é un ano de retos e desafíos. Esgótanse os prazos para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e a comunidade internacional contempla novos espazos de debate e toma de decisións para construír un novo marco de compromisos. A sociedade civil debe incidir e meter presión para conseguir que esas metas sexan ambiciosas en clave de xustiza social. A Campaña Mundial pola Educación, como parte desa cidadanía activa e reivindicativa, traballa dende hai anos para situar o dereito á educación na primeira liña do debate internacional.

Arrancamos no IES Campo de San Alberto de Noia

Dende o equipo territorial da Campaña en Galicia, amais de pensar nos desafíos futuros, decidimos botarlle tamén unha ollada aos máis de dez anos de traballo continuado deste proxecto na nosa terra. Máis dunha década participando nos centros educativos galegos, coñecendo e intercambiando reflexións con centos de nenos e nenas. Que aprenderon participando na Campaña? Defenderán a día de hoxe o dereito á educación? Que opinan os mestres e mestras sobre este tipo de propostas?

Os sorrintes mozos e mozas do CPI Virxe da Cela

Todas estas cuestións aparecen recollidas no vídeo da Campaña Mundial pola Educación en Galicia que se está a cociñar nos fogóns de A*sombra producións, produtora galega que nos acompañou no noso periplo polos centros educativos galegos. Foron cinco os espazos elixidos como testemuñas desta historia. Viaxamos a Noia, ao IES Campo de San Alberto, pasamos por Monfero, onde conversamos no recuncho solidario que representa o CPI Virxe da Cela, baixamos ata Vigo para entrar no enorme Colexio Apóstol Santiago e seguimos cara Tui para falar co alumnado e profesorado do CEIP Nº 2. A última etapa da viaxe levounos ata o IES Carlos Casares, un centro referente en Educación para o Desenvolvemento en Galicia onde non só falamos cos nenos e nenas, senón tamén cos seus avós e avoas nun encontro interxeracional moi interesante e revelador.

As compañeiras do Colexio Apóstol Santiago facendo memoria

O emotivo encontro interxeracional en Viana do Bolo

Todas estas conversas, recollidas, filmadas, entrelazadas e debuxadas na vindeira actividade da Campaña Mundial pola Educación en Galicia. Non vola perdades!