Monfero e A Irixoa “avanzan” por unha educación inclusiva

En Galicia seguimos coas accións da CME. Grazas á grande acollida que están a ter as actividades organizadas, alongaremos este ano as actividades da Campaña durante o mes de maio, realizando diversas accións nos centros educativos galegos.

O pasado 28 de abril organizamos a actividade «Avanza por unha educación para todos e todas», baseado no tradicional xogo da gansa, no CPI Virxe dá Cela de Monfero. Unha trintena de alumnos e alumnas dos cursos de 5º e 6º de primaria xogaron e reflexionaron durante máis de dúas horas en torno ao dereito á educación e ás dificultades e impedimentos que os nenos e nenas con discapacidade teñen á hora de acceder á educación. Da man de «Cuadernia», «Alfabetia», «Escuelaria» e Abel, o animador principal do xogo, nenos e nenas estudantes dos municipios de Monfero e A Irixoa experimentaron a través das diferentes probas que se ían sucedendo as barreiras ideolóxicas, físicas ou comunicativas que nos encontramos cada día, sobre todo aquelas persoas con algunha discapacidade.

Ademais, e o máis importante, reflexionaron acerca das diferentes e múltiples capacidades que podemos desenvolver as persoas, independentemente das nosas dificultades, e das barreiras que moitas veces nos poñemos ou nos pon a sociedade. Nun mural deixaron plasmadas as súas reflexións sobre a escola ideal que nenos e nenos desexan para eles e para os seus compañeiros e compañeiras.

Por último, todo o grupo tivo oportunidade de coñecer os Obxectivos de Dakar e a súa importancia para o acceso á educación de todos e todas e deixaron plasmados no mural as súas diversas capacidades, que son moitas e moi valiosas.