Semana de Acción Mundial pola Educación en Galicia

GALICIA- A próxima semana, do 23 ao 29 de abril, estarase a celebrar en todo o mundo a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME). Este ano, desde a Campaña Mundial pola Educación (CME) baixo o lema «Con dereitos dende o principio. Por unha educación temperá de calidade», reivindicaremos a importancia da Atención e Educación da Primeira Infancia (AEPI), é dicir, a que vai dos 0 aos 6 anos.

Con motivo da Semana de Acción Mundial pola Educación, o próximo martes 24 de Abril terá lugar un acto público na Sala Indiana do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) para reivindicar o dereito á educación e á atención da primeira infancia (AEPI). Ao acto acudirán máis de 50 rapaces e rapazas de diversos centros escolares de Galicia que presentarán a Jesús Vázquez, Conselleiro de Educación, e Pilar Romero, Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior, as súas reivindicacións políticas en materia de educación dos máis pequenos.

Para levar a cabo a súa reivindicación, a CME propón realizar «A Grande Imaxe», é dicir, unha gran colaxe composta por todas e cada unha das imaxes (fotos, debuxos, etc.) que nenos, nenas, mozos e persoas adultas quixesen compartir inspirándose no dereito á atención e á educación na primeira infancia.

A Grande Imaxe presidirá o evento do próximo día 24 de abril no MUPEGA e ademáis tamén estará nos diversos actos que a CME desenvolverá por toda Galicia nos vindeiros días ( Tui, A Coruña, Vigo e Viana da Bola).

A Campaña Mundial pola Educación convida a toda cidadanía galega a apoiar estes diversos actos e a enviar a sua fotografía a prol da Educación Universal de Calidade a seguinte dirección cme-galicia@cme-espana.org.